O docente innovador na didáctica dunha lingua en educación secundaria


Actualmente vivimos nunha sociedade dixital debido ás novas tecnoloxías de información e de comunicación que seguen emerxendo. Estas novas tecnoloxías están cambiando a maneira de entender o proceso de ensino-aprendizaxe, polo que tamén afectan ao concepto tradicional da didáctica das linguas. Polo tanto, no caso do profesorado, cómpre manterse informado, actualizado e innovador.

O alumnado co que trataremos hoxe en día considéranse «nativos dixitais», xa que naceron coa tecnoloxía na man. Isto implica que a tecnoloxía forma parte do seu día a día para todo; non obstante, iso non supón que a saiban manexar adecuadamente. É necesario que o profesorado se forme para que sexa capaz de ensinarlle o uso responsable e eficaz destas tecnoloxías ao seu alumnado.

Neste sentido, por un lado considero que o profesorado innovador será aquel que faga uso de todas estas novas tecnoloxías que nos ofrecen un mundo de ensinanza completamente novo e cheo de melloras, tanto a nivel de técnicas como de materiais. Con todo, o emprego das novas tecnoloxías non será suficiente para innovar se se seguen mantendo os métodos de ensinanza tradicionais; polo tanto, neste novo mundo o profesorado ten que realizar un gran esforzo, xa que é necesario que investigue, se forme e se familiarice cos novos métodos de ensinanza. En xeral, pódese considerar que os contidos sempre serán os mesmos, pero os métodos e as estratexias para ensinalos non: deben cambiar e evolucionar a medida que evoluciona o noso mundo. O gran reto do novo profesorado innovador é ensinar os contidos de sempre pero dunha maneira distinta: outorgándolle ao alumnado un papel moito máis activo e promovendo a práctica fronte á teoría.

Por outro lado, as novas tecnoloxías crearon un novo mundo, un mundo globalizado no que grazas a elas estamos cada vez máis cerca uns dos outros. Neste sentido, centrándonos na didáctica das linguas, este novo mundo tamén deu lugar a unha visión diferente das linguas: agora vense como as novas vías de comunicación do mundo globalizado. O feito de poder estar en contacto con persoas de todo o mundo grazas ás novas tecnoloxías implica o coñecemento de, como mínimo, unha lingua común, que adoita ser o inglés. Polo tanto, o alumnado de linguas debe entender que agora a lingua supón unha ferramenta indispensable para o seu futuro, tanto laboral como persoal; é dicir, que canto maior sexa a súa capacidade para comunicarse, máis fáciles e satisfactorias serán as súas experiencias futuras con outras persoas.  

Comentarios

Entradas populares