Centro de Formación Padre Piquer
No Centro de Formación Padre Piquer (Madrid) a
innovación baséase en aulas cooperativas multitarea. A aula cooperativa non
está organizada por materias, senón por ámbitos de ensinanza e aprendizaxe
(socio-lingüístico e científico-tecnolóxico) e trabállase seguindo tres
principios metodolóxicos: a aprendizaxe cooperativa; a aprendizaxe baseada en
problemas da vida real; e o uso das TIC. Neste centro tamén se pasa das aulas
tradicionais a novos espazos moito máis grandes que integran ata a 60
estudantes e a varios profesores á vez. Polo tanto, a metodoloxía deste centro
tamén se centra na combinación do traballo en equipo co traballo individual que
respecta os ritmos de cada estudante; na proporción dunha educación
individualizada; e no emprego das novas tecnoloxías.
Por un lado, o feito de que as clases estean
formadas tantos estudantes, pero que estes estean atendidos e titorizados por
varios docentes paréceme interesante, pero á súa vez tamén pouco realista para
levalo a cabo nos centros públicos pola inversión que require. Pola contra, a
idea de desenvolver unha aprendizaxe individualizada que respecta os ritmos de
aprendizaxe de cada alumno e que distribúe as tarefas de xeito que todos poidan
progresar si que me parece un exemplo de innovación metodolóxica, polo que si
que me parecería interesante poder involucrarme neste tipo de metodoloxía no
meu futuro como docente.
Ademais, no tocante ao profesorado tamén me
resulta interesante que varios docentes compartan a mesma aula, xa que isto
permítelles compartir as súas ideas e establecer debates para chegar a acordos.
Considero que este traballo colaborativo beneficia e enriquece o proceso de
ensino-aprendizaxe, posto que da lugar a ideas compartidas moito máis creativas,
así como ao emprego das técnicas e metodoloxías máis adecuadas para cada
situación.
Finalmente, en canto ao emprego das TIC, esta
metodoloxía pode ser moi beneficiosa para a aprendizaxe, pero ao igual que no
centro comentado anteriormente, quizais é pouco realista e pode dar lugar a
unha carencia do coñecemento da ortografía real.
Comentarios
Publicar un comentario